Monday 29 de April de 2024

UB40, Emir Kusturika e Tanxugueiras encabezan o cartel do Noroeste Estrella Galicia, que volve a Riazor e consolídase como festival de referencia en España con 49 concertos gratuítos


Inés Rey presentou hoxe a oferta do festival, que recupera os concertos na praia e inclúe dez escenarios que abranguen desde as grandes capacidades na praia ata o intimismo de espazos emblemáticos como Azcárraga, Campo da Leña, o Castelo de San Antón, a Casa Casares Quiroga ou o Peirao de Transatlánticos

O Noroeste ofrecerá concertos que abranguen desde o pop, rock, jazz ou blues ata músicas experimentais, urbanas ou de raíz, con bandas e intérpretes nacionais e internacionais combinados cunha importante presenza feminina e de representantes do panorama musical galego

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe o programa do Noroeste Estrella Galicia e destacou que este festival, un dos de carácter gratuíto máis importantes de España, volverá “ao lugar que lle corresponde despois de batallar dous anos para manter acendida a chama en espazos alternativos con capacidade reducida”.

Inés Rey estivo acompañada neste acto polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor; o director de Asuntos Corporativos de Corporación Hijos de Rivera, Antonio Viejo, e a directora artística do Festival, Cristina Toba. Destacou a alcaldesa que é a primeira vez que o festival conta cunha dirección artística, e que “é un privilexio” que se ocupe dese labor a que fora directora “dunha sala mítica na nosa cidade, como o Babá Bar”.

Durante a súa intervención, Inés Rey salientou o feito de que o Festival Noroeste volva á praia de Riazor, o que supón recuperar o elemento máis distintivo desta cita musical desde os seus inicios no ano 1986. Respecto da programación, destacou que este ano contarase cun “potentísimo cartel” que, se ben terá unha destacada pegada internacional, “tamén presumirá de acento galego e contará cunha poderosa presenza feminina”. De feito, das 49 propostas que presentamos, 23 están lideradas por mulleres.

O Noroeste Estrella Galicia ofrecerá 49 concertos que abranguen desde o pop, rock, jazz ou blues ata músicas experimentais, urbanas ou de raíz, con bandas e intérpretes de primeiro nivel. Tal como adiantaba a alcaldesa, “levarase esa diversidade e eclecticismo tamén aos dez escenarios previstos”, que combinan as grandes capacidades, como a da praia de Riazor, co intimismo de espazos emblemáticos como a praza de Azcárraga, Campo da Leña, o Castelo de San Antón, a Fundación Luís Seoane ou a Casa Casares Quiroga. Ademais, incorpórase o peirao de Transatlánticos, seguindo adiante coa firme aposta do Goberno Municipal por abrir o porto da Coruña á cidadanía e ao turismo.

A alcaldesa concluíu que se trata, coma sempre, dun “Noroeste curioso e explorador, e vai máis alá das propostas do circuíto comercial repetidas en tantos festivais, propiciando unha feliz convivencia entre figuras xa consolidadas e artistas emerxentes a quen desde o Goberno municipal sempre tratamos de apoiar poñendo en valor o talento e a creatividade local”.

Respecto dos e das artistas participantes, destacou que o programa incluirá a artistas de primeiro nivel como Emir Kusturika ou o grupo líder do pop británico UB40, ademais de figuras do indie español como Dorian ou Delaporte; e algunhas delicatessen como o flamenco de Israel Fernández. Tamén salientou a presenza das Tanxugueiras que, xunto con Baiuca e outras destacadas, representarán o excelente panorama musical de Galicia.

Por último, Inés Rey destacou o Festival Noroeste Estrella Galicia como unha das grandes apostas das Festas de María Pita, nas que “A Coruña reafirmará o seu pulo como cidade de referencia nas grandes citas musicais”. Tamén lembrou importantes eventos que se sucederán nos próximos días, como o concerto de Rosalía, que encherá o Coliseum o 29 de xullo, para concluír que agarda que “coruñeses e coruñesas, e tamén turistas chegados/as de todo o mundo, desfruten como merecen” da oferta cultural para este verán.